Mércores, Abril 23

Neda reciclou máis de 2.300 quilos de aceite usado durante o 2024

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Neda reciclou durante o pasado ano máis de 2.300 quilos de aceite doméstico usado. O Concello dispón dende hai anos dunha rede de trece colectores repartidos por todo o municipio para facilitar a retirada deste residuo, acabando con prácticas tan pouco sostibles como a de botalo polo vertedoiro.

Grazas ao compromiso da veciñanza, o xestor autorizado Green Ambiental SL, xestionou ao logo dos doce meses do 2024 un total de 2.327 quilos de aceite vexetal usado procedente dos fogares do municipio (sobrante de asados, fritos, alimentos enlatados). Os colectores máis utilizados foron o situados xunto ao Eroski (525 kg) e máis do adro da Igrexa de Santa María (320).

A reciclaxe deste tipo de aceite, que se emprega no día a día, evita obstrucións nas canalizacións das vivendas e problemas no alcantarillado e, sobre todo, contribúe a frear a contaminación de solo e da auga. Así, apuntan desde Green Ambiental SL, que o residuo recollido no municipio tería contaminado case 2,6 millóns de litros de auga.

Ademais, todo o material retirado transfórmase en biocarburante, unha alternativa máis limpa e menos contaminante que os combustibles fósiles convencionais, xerando un aforro de 6.981 toneladas de emisións de dióxido de carbono.

Neda dispón de colectores na avenida de Xuvia; adro de Santa María; avenida de Alxeciras inmediacións da Casa Consistorial e do Eroski, avenida Xeneral Morgado;  avenida Médico Cebreiro, na zona do Puntal; A Silva; Muchiqueira, Forxá, Mourela Baixa, O Roxal, local social do Viladonelle e contorna da Igrexa de Anca.

 

Share.

Comments are closed.