Martes, Decembro 3

Neda recibe a visita da Oficina Móbil de Atención ao Peregrino

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A contorna do albergue de Neda recibían hoxe a visita dunha das Oficinas Móbiles de Atención ao Peregrino (OMAP) coas que a Garda Civil contribúe a facer máis seguras as principais rutas de peregrinación a Compostela. O rexedor municipal, Ángel Alvariño, e a concelleira de Igualdade, Ángeles Puentes, achegábanse esta mañá ao Paseo de Xuvia para coñecer de primeira man o traballo que se realiza a través deste servizo de carácter itinerante.

Segundo explicaban os axentes, a furgoneta monovolume, rotulada co logotipo da OMAP en español e en inglés, e facilmente recoñecible polos peregrinos, está dotada de todos os medios telemáticos precisos para proporcionar prestacións similares ás de calquera posto fixo da Garda Civil.

Así, ademais de realizar labores de acompañamento de grupos que percorren rutas como o Camiño Inglés,  entre os obxectivos destas oficinas móbiles figuran potenciar a atención persoal facilitando asesoramento sobre medidas e consellos de seguridade; atender ás vítimas de delitos (permite, por exemplo, presentar denuncias); proporcionar información sobre o Camiño de Santiago, e mesmo selar “a Compostela”.

O vehículo que visitaba esta mañá a localidade loce ademais códigos QR rotulados para acceder á descarga da aplicación ALERCOPS do Ministerio do Interior, mediante a que os peregrinos/as e persoas usuarias dos albergues poden activar a función de Gardián Benemérito, que garante a recepción de alertas de seguridade xeolocalizadas en tempo real, ou a posibilidade de contactar teléfono de emerxencias 062.  Durante a visita, os responsables municipais interesábanse tamén pola campaña “Non camiñes soa”, orientada a difundir entre as peregrinas os recursos existentes a disposición das mulleres e os que poden utilizar en caso de sufrir calquera tipo de violencia mentres fan o Camiño.

O rexedor municipal subliñou a utilidade destas oficinas móbiles para ofrecer unha atención máis próxima aos peregrinos do Camiño Inglés, unha ruta que non deixa de medrar, e agradeceu o labor fundamental que desenvolve a Garda Civil para mellorar a seguridade nas rutas, especialmente nas épocas de maior afluencia de romeiros.

Share.

Comments are closed.