Do venres 16 ao martes 20 de agosto, Narón, Neda, Cedeira e Valdoviño serán de novo os escenarios da oitava edición do Jazz de Ría, que este ano se amplía a cinco días e contará cun cartel de artistas que representan os novos camiños do jazz, confirmándoo como un xénero cada vez mais vivo e presente de forma orgánica nas propostas artísticas que van emerxendo. Da man do Concello de Neda, e coa axuda da Deputación da Coruña, chegará a artista santiaguesa Antía Muíño, que actuará na Ribeira de San Nicolás.
O festival arrancará coa indómita e inclasificable natureza artística do pianista menorquín Marco Mezquida no Pazo da Cultura de Narón para viaxar despois desde as abordaxes intimistas das galegas Antía Muíño (18 de agosto, Neda) e Leticia Rey (20 de agosto, na praia do Baleo en Valdoviño) ata o jazz de cuño mediterráneo de Alba Careta Group e Magalí Sare & Manuel Fortià, facendo paradas tamén no jazz-rock progressivo dos ferrolanos Demo Rumudo, na aposta persoalísima do compostelán Pablo Sanmamed Trío, desta vez xunto ao óboe e o corno inglés do reputado Benxamín Otero (todos eles no Parque de Freixeiro o 17 de agosto), e no proxecto vertebrador do Cuarteto Federal (19 agosto, en Cedeira).
Completan o programa as aulas abertas de baile conducidas por Swing On, o curso de palmas flamencas que impartirá Isaías Salazar, un obradoiro de fabricación de instrumentos musicais con material de refugallo a cargo da Escola da vaca, o piano bar itinerante de Le BarLuthier, e un roteiro musical polos Balcóns do Atlántico cunha intervención do saxofonista Lois Rivera.
Todas as actividades son gratuítas e de acceso libre, agás o obradoiro da Escola da Vaca, para o que será preciso facer inscrición de balde a partir do 1 de agosto na web do festival.
O Jazz de Ría continúa fiel ao seu obxectivo de converter a costa ártabra nun territorio de referencia dentro do mapa dos festivais de jazz, cunha proposta na que se funden música e identidade, desde os principios da sostibilidade e a responsabilidade coa contorna natural e social.