Neda programa un obradoiro gratuíto de alimentación saudable da man da Escola Galega de saúde para cidadáns

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda impulsa, en colaboración coa Escola Galega de Saúde para cidadáns, un novo cursiño de saúde. Trátase desta volta dun obradoiro gratuíto sobre alimentación saudable. A iniciativa, destinada a dar a coñecer á veciñanza claves útiles no día a día para ter unha dieta equilibrada e mellorar a saúde, terá lugar o luns 2 de febreiro  na Casa da Cultura, e vén de abrir o prazo de inscrición.

A sesión, que se desenvolverá de 16:30 a 20:30 horas, estará impartida pola nutricionista Almudena Seijido. E nela as persoas participantes poderán descubrir os beneficios dunha boa alimentación e adquirir coñecementos sobre o tema para aplicar á súa vida cotiá, tendo en conta ademais que unha alimentación axeitada non ten por que ser cara.

Así, durante o obradoiro falarase dos diferentes tipos de alimentos que existen, da importancia dos hábitos alimentarios no crecemento e desenvolvemento das persoas, así como na prevención das enfermidades. Ademais, no encontro ofreceranse propostas de merendas saudables e recomendacións para unha alimentación equilibrada e responsable (método do prato para aprender a comer alimentos en proporcións óptimas de consumo).

Finalmente, durante o cursiño, no que se tocará a influencia dos medios de comunicación nos hábitos alimentario, incidirase na importancia de ler e entender as etiquetas de nutrición que acompañan aos produtos que atopamos nos supermercados.

Xa está aberta a inscrición, a través do formulario existente na páxina web da Escola Galega de Saúde para Cidadáns. Na Casa da Cultura axudarase á veciñanza interesada en participar que teña dificultades para inscribirse online. A asistencia na xornada dará dereito a diploma de participación. Como sempre, as prazas son limitadas.

Share.

Comments are closed.