O pan de Neda será protagonista da presenza do Concello de Neda na nova edición de Primavera no Camiño Inglés, que se desenvolverá este sábado na localidade de Abegondo. O produto estrela da gastronomía local poderase saborear nunha das degustacións da feira, na que os máis pequenos terán ademais ocasión de converterse en forneiros/as.
Neda contará no espazo institucional con stand propio, atendido por unha informadora turística, para difundir tanto os atractivos da ruta xacobea ao seu paso pola vila como o resto dos recursos de interese turístico do municipio (a fervenza do Belelle, o casco histórico, os miradoiros, a Festa do Pan…) e para distribuír material promocional.
En paralelo, o pan de Neda será un dos produtos emblemáticos do Camiño Inglés, que se poderán probar no espazo gastronómico do evento. Servirase acompañando nada menos que á tamén célebre tortilla de Betanzos, nunha das dúas degustacións previstas ao mediodía (entre as 13.30 e as 15.30 h).
Ademais, o Concello colaborará na programación infantil desta cita, deseñada para pór en valor o patrimonio natural, cultural e histórico da ruta xacobea, cun obradoiro de elaboración do noso pan. Será no “espazo lúdico”, a partir das 17.30 horas, da man de monitores da Granxa Escola Belelle.
A sexta edición de Primavera no Camiño Inglés, que se celebrará na contorna do encoro de Beche, contará cunha amplísima oferta de lecer, que incluirá música, baile tradicional, actividades para as crianzas, e mercado de artesanía. A cita está organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés, co apoio da Deputación da Coruña e do Concello de Abegondo.