Todo a punto en Neda para desfrutar da fin de semana máis especial do ano. A Festa do Pan de Neda regresa este domingo ao paseo marítimo do municipio para celebrar a súa 32 edición, recuperando o seu espírito máis festivo, ao que tivo que renunciar o pasado ano por mor da pandemia, e o protagonismo das panaderías locais. Antes chegará á macrocarpa instalada na zona, epicentro da actividade, o xa clásico festival Noite de Bolos.
A vocalista e pianista madrileña ELE, coa súa mestura de folk, soul, jazz, rhythm and blues e pop encabeza o cartel desta velada de música, que terá lugar o 3 de setembro, a partir das 21.30 horas, a modo de preámbulo da gran festa gastronómica da vila. No concerto, esta artista revelación no panorama nacional, interpretará os temas dos seus traballos discográficos “Summer Rain” e “What Night Hides”.
Noite de Bolos, que aposta máis que nunca pola diversidade de estilos e o eclecticismo musical, completarase coa volta á música das verbenas da Galicia dos anos 30 e 40 do pasado século de Airiños da Freba, e coa homenaxe aos 25 anos do rock bravú da Banda Xangai, que lidera Xurxo Souto.
Xa o domingo, a actividade comezará ben cediño na Festa do Pan de Neda, declarada dende hai anos de Festa de Interese Turístico de Galicia, polo seu arraigo e o seu poder de convocatoria. A partir das 10 horas, abrirán os postos de venda de pan e os de artesanía. Desta volta, participan Panificadora Germán, Modesto Hermida, Paca Castro Romero e Santa Rita e como despachos colaboradores J. Castro Hermanos, La Gallega e Vda. de Romero.
ENCONTRO FESTIVO
E antes do tradicional pregón, a cargo da escritora nedense Sara González Veiga, haberá tempo para gozar dos sones tradicionais de Berros do Castro e para a celebración do concurso de empanadas.
Desta volta haberá sesión vermú e recupérase o tradicional xantar popular (dende as 14 ás 18 h) que, por 20 euros, incluirá pan e empanada de Neda, arroz, churrasco, a bebida, o doce, e o café. E para baixar a comida, nada como un pouco de animación musical con Os Charangos. A programación infantil incluirá os obradoiros de elaboración de pan (17 horas) e un espectáculo de circo (18.30 h).
E a partir das 19 horas, un dos grandes grupos da música de raíz en Galicia, nada menos que Luar na Lubre, porá o broche de ouro á festa, repasando os grandes éxitos da súa extensa traxectoria musical e máis os temas do seu último traballo “Vieiras e Vieiros. Historias de peregrinos”.
A XXXII Festa do Pan, que organiza o Concello de Neda, contará co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.