Martes, Decembro 3

Neda prepara para o 26 de outubro unha nova edición da exitosa “Senda das ánimas” e do tradicional magosto

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Neda última os preparativos para contar, un ano máis, cunha das celebracións de samaín e de magosto máis animadas da comarca. O núcleo urbano centralizará o sábado 26 de outubro a programación festiva. E a terrorífica “Senda das ánimas”, destinada ao público infantil, volverá ser, se o tempo o permite, a aposta central da xornada.

As actividades desenvolveranse a partir das 19.30 horas, con dous escenarios paralelos. Así, ao tempo que comezan a servirse as castañas no CEIP San Isidro, os primeiros grupos de nenos e nenas iniciarán dende a Praza do Concello o percorrido na procura de doces por vivendas “aliadas” coa organización.

Será a antesala da “Senda das ánimas”, que discorrerá pola rúa Real. Neste singular itinerario guiado, non faltarán a narración de historias terroríficas ni, por suposto, as recreacións sorpresa. Unha proposta, pensada para os máis pequenos da casa, que requirirá anotarse previamente, pois contará con prazas limitadas (ata 250).

O Concello de Neda activará do luns 21 ao xoves 24 de outubro as inscricións, que serán exclusivamente telefónicas, a través do número da biblioteca (981 390 233). Terá prioridade a veciñanza de Neda. E os nenos e nenas poderán ir acompañados dun só adulto por familia. Estableceranse distintas quendas, con grupos limitados, para garantir que os participantes non se perdan nada do “espectáculo”.

En paralelo á “Senda das ánimas”, desenvolverase no patio do CEIP San Isidro o tradicional magosto. Nesta actividade, con entrada libre e tamén completamente gratuíta, haberá tempo para degustar as típicas castañas asadas e, como é habitual en Neda, tamén boliños preñados, así como de desfrutar da animación musical.

Share.

Comments are closed.