Neda participa nun proxecto de innovación educativa pola diversidade sexual en Ferrolterra

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Neda e outros cinco concellos de Ferrolterra – Ferrol, Narón, Fene, Valdoviño e San Sadurniño- participarán durante o último cuadrimestre deste ano no Laboratorio de Apoderamento LGBT+, un proxecto piloto de sensibilización sobre diversidade sexual en Ferrolterra, que vén de dar os seus primeiros pasos, co apoio da Deputación da Coruña.

As traballadoras da cooperativa Rexenerando, promotora do proxecto, a deputada de igualdade, Soledad Agra, técnicas e concelleiras das localidades implicadas, entre as que estaba a nedense Ángeles Puentes, e persoal educativo dos centros educativos participantes nesta primeira edición: o IES de Fene, o IES Terra de Trasancos, o IES Fernando Esquío e o CPI San Sadurniño e CPI Atios asistían esta mañá na Casa Consistorial de Fene á presentación.

Durante o encontro destacouse a importancia de traballar de forma coordinada cos distintos axentes que forman parte do proxecto: mocidade como o núcleo central, pero tamén coas familias e os docentes, e co persoal técnico e político que impulsa iniciativas dende as súas administracións.

Tamén se falou da importancia do tema en cuestión, a diversidade sexual, e como aprender dela para poder facer fronte a certos discursos de odio presentes nas aulas, e como isto debe formar parte dun crear cultura sobre a diversidade para poder acadar un mundo máis xusto e amable con todas as persoas.

Nos meses de setembro a decembro desenvolverase o Laboratorio de Apoderamento LGBT+, un proxecto que ten entre os seus obxectivos a creación de espazos máis inclusivos para a mocidade LGBT+ das comarcas de Ferrolterra, a autoreflexión sobre os prexuízos a respecto da diversidade sexual, así como o deseño de prototipos de intervencións dinamizadoras para a creación dunha comunidade de activistas lgbt+, desenvolvidas pola propia mocidade de 4º ESO e 1º de Bacharelato dos centros participantes.

Ademais das sesións en aula con alumnado, e as sesións de prototipado e deseño de intervencións, o proxecto contará con formacións para familias e profesorado e un acto final de peche do proceso que terá lugar en decembro.

Segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Interior, as agresións por causa de orientación sexual ou identidade de xénero ocupan o primeiro posto entre a mocidade menor de 18 anos, e só un terzo do alumnado LGBTIAQ+ sente liberdade á hora de expresarse sobre temas relacionados coa orientación sexual ou identidade de xénero.

Share.

Comments are closed.