Domingo, Agosto 16

Neda fai un chamamento á veciñanza para que reduza o consumo de auga ante a escaseza de reservas hidráulicas

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O alcalde de Neda vén de ditar un bando con recomendacións destinadas a que a veciñanza faga un consumo máis racional da auga potable nun momento marcado pola escaseza, como consecuencia da falta de precipitacións. Cunhas reservas hidráulicas baixo mínimos no conxunto da comarca, o rexedor municipal, Ángel Álvariño, fai unha chamada á colaboración veciñal para que se limiten nos fogares nedenses prácticas e usos que, na situación actual resultan insostibles.

Así, recomenda extremar o aforro e evitar os consumos innecesarios, particularmente aqueles usos que non son esenciais e que contribúen a disparar o consumo durante a época estival.

Nesta liña, o responsable municipal apunta a necesidade de reducir o rego de xardíns e zonas verdes con auga da rede de abastecemento. Demanda que se evite encher ou repoñer auga nas piscinas particulares, así como lavar os vehículos na casa, e baldear espazos exteriores (terrazas, fachadas, patios) con auga da traída.

Finalmente, recomenda a adopción de medidas básicas no día a día tanto na cociña como no baño, (pechar a billa cando non sexa necesario que corra auga, acurtar os tempos de ducha, usar lavalouzas e lavadora con carga completa). Consellos que, a través dunha campaña informativa foron aparecendo nos últimos días nas redes sociais municipais.

Bando recomendacións uso auga potable

Share.

Comments are closed.