Mércores, Abril 23

Neda estrea nova oficina de turismo xunto ao albergue de peregrinos

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Neda abría hoxe a súa nova caseta de turismo, situada xunto ao albergue de peregrinos. Esta instalación temporal localízase pois á beira do Camiño Inglés, que atrae cada ano a milleiros de visitantes á vila. O servizo de recepción e atención estará operativo todos os días ata finais de outubro.

O Concello dotouse deste módulo, situado xunto ao albergue, que durante anos acolleu na tempada alta o posto de información turística, para poder optar ás axudas de persoal que concede a Deputación da Coruña. De feito, grazas á liña de subvención a caseta está aberta ao público dende hoxe mesmo.

Neda contará con persoal especializado durante catro meses e medio, destinado fundamentalmente mellorar a acollida ao turista, optimizando a información en destino sobre os principais puntos de interese (fervenza do Belelle, casco antigo de Neda, miradoiro de Ancos, festa do pan de Neda…) e tamén sobre a oferta cultural ou a hostalería e restauración locais. Trátase pois dunha aposta por mellorar a experiencia das persoas que pasan pola localidade, buscando que queiran volver.

Ademais, entre os cometidos do persoal figura o control do propio albergue, a asistencia a feiras de turismo (a primeira foi Primavera no Camiño Inglés), e o deseño de actividades de dinamización.

A oficina de turismo abrirá ao público de luns a venres, en horario de 10.30 a 16 horas, e durante as fins de semana de 11 a 16 horas.

 

Share.

Comments are closed.