Seis concellos do Camiño Inglés, entre eles o de Neda, porán en marcha ao longo deste 2023 un proxecto para captar novos peregrinos reforzando o atractivo que esta ruta a Compostela ten para o público familiar e mellorando a experiencia dos camiñantes que a elixen. Alcaldes e concelleiros de Ferrol, Neda, Cabanas, Pontedeume, Miño e Betanzos -os municipios promotores- presentaban esta mañá no porto de Curuxeiras, o km0 do percorrido, a ambiciosa iniciativa, que suporá un investimento global de máis de 900.000 euros, que financiará integramente o Goberno de España, con fondos Next Generation.
No marco da proposta “Camiño Inglés dende Ferrol: o camiño familiar, intelixente e inclusivo”, o Concello de Neda porá en marcha ata media ducia de accións, que contribuirán, de forma definitiva, á mellora da información turística á que terán acceso unha vez no municipio os peregrinos e peregrinas e o conxunto dos visitantes que se acheguen á localidade. E así, tendo en conta que, na actualidade, os dispositivos móbiles son a principal ferramenta para buscar información no destino e mesmo para planificar escapadas e visitas, o conxunto de accións, valorado nuns 101.000 euros, aposta principalmente pola aplicación das novas tecnoloxías da comunicación para mellorar a experiencia das persoas que pasan polo Concello e tamén a dos propios residentes.
Nesta liña, os concellos asociados, entre eles o de Neda, estrearán oficina turística virtual. Un mupi exterior que dará acceso as 24 horas a toda a información de interese para o visitante os 365 días do ano. Ademais, ao longo da trazado do Camiño Inglés en Neda crearanse tres zonas de descanso adaptadas, dotadas cada unha con cargadores solares USB con acceso a wifi e conectores USB.
Con todo, como apunta o alcalde, Ángel Alvariño, a solución máis anovadora chegará da man da sinalización turística accesible e intelixente no trazado, igual á que instalarán outros dos municipios promotores. Así, as novas sinais do Camiño Inglés terán aloxados uns dispositivos denominados beacons, que a través de bluetooth, enviarán aos smartphone que se atopen nun radio duns 45 metros, información sobre os principais atractivos de Neda dende o punto de vista natural e patrimonial, ademais de información útil sobre os servizos existentes (restauración, aloxamentos, farmacias, tendas…). Así, a medida que vaian camiñando, os peregrinos coñecerán os recursos que teñen más próximos.
Finalmente, cómpre subliñar que o proxecto, coordinado dende o Concello de Ferrol, incluirá mais accións municipais (campañas de promoción do Camiño, un servizo de difusión e asesoramento para negocios interesados en mellorar a súa presenza nas redes) e outras comúns aos seis concellos implicados na iniciativa.