Neda e Fene pretenden dar continuidade ata o Puntal á pasarela contigua ao paseo marítimo de San Valentín. Os alcaldes das dúas localidades, Ángel Álvariño e Juventino Trigo, reuníanse esta semana co novo xefe de Demarcación de Costas, Carlos Gil, para buscar alternativas de colaboración que permitan materializar o proxecto, destinado a pór en valor este treito do litoral nedense. Dende o organismo, dependente do Goberno de España, mostráronse dispostos a apoiar a actuación.
A intervención permitiría gañar para uso público o tramo de costa que discorre entre o límite xeográfico entre os dous municipios-punto ata onde chega a actual pasarela de madeira- e o espigón do Puntal. Facilitaría deste modo á veciñanza e visitantes un paseo lineal de ao redor de 1,5 quilómetros á beira da ría de Ferrol ata as inmediacións da ponte das Pías. Un proxecto de interese para as dúas localidades.
E así, co obxectivo de avanzar en firme para que a proposta saia adiante, o goberno de Neda comprometeuse a redactar proxecto construtivo que conectaría o extremo da pasarela co citado areal, discorrendo integramente polo dominio público marítimo terrestre do municipio nedense.
As características da nova infraestrutura peonil, que tería unha lonxitude aproximada de 400 metros, están aínda por definir. En calquera caso, o financiamento viría da man do organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica. Para Neda suporía unha primeiro paso para estender o paseo marítimo, que actualmente vai dende Xuvia ata Santa María, ao longo de todo a súa fachada litoral.
Ademais, na reunión se analizáronse as opcións para ampliar os usos deportivos do campo dos Subarreiros, mediante a construción de novos equipamentos. Un proxecto xa antigo ao que o Concello non quere renunciar, e que o novo xefe do servizo se comprometeu a valorar.