A deputada de Plans Provinciais, Cristina García, visitou este luns as obras da Casa da Cultura, onde mantivo un encontro co alcalde, Ángel Alvariño, e con integrantes da corporación municipal para abordar os investimentos impulsados no municipio grazas ao Plan Único da Deputación. As obras municipais servirán para mellorar a eficiencia enerxética grazas aos fondos provinciais.
Durante a visita, García Rey destacou que a administración local dispón este ano de 488.582 euros procedentes do Plan Único, un programa que dota aos concellos de recursos para desenvolver actuacións prioritarias en función das súas necesidades e da planificación realizada por cada goberno local. “Estamos diante dun instrumento que achega estabilidade aos concellos e lles permite executar investimentos e mellorar os servizos públicos con plena autonomía para decidir o destino dos fondos”, sinalou.
García Rey incidiu en que o Plan Único continúa a ser unha das principais ferramentas de cooperación entre a Deputación e os concellos da provincia, ao garantir un reparto baseado en criterios obxectivos e facilitar que os gobernos locais poidan atender as demandas da veciñanza mediante actuacións adaptadas á realidade de cada municipio “a diferenza doutras administracións como a Xunta de Galicia, que continúa sen aplicar criterios obxectivos nin transparentes na distribución de determinados fondos destinados aos concellos”, afirmou a deputada.
Na reunión celebrada na Casa da Cultura, a deputada e os representantes municipais intercambiaron impresións sobre as necesidades do concello e o impacto que este modelo de financiamento ten no desenvolvemento de proxectos e na mellora das infraestruturas e dos servizos municipais.