Neda dá un primeiro paso para constituír o Consello sectorial destinado a garantir o cumprimento íntegro no municipio da Ley de Memoria Democrática

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O salón de plenos de Neda acolleu esta tarde unha reunión para avanzar na posta en marcha do anunciado Consello Sectorial de Memoria Democrática, cuxa primeira encomenda será, segundo o acordado,  ditaminar sobre a retirada da Cruz dos caídos, situada nos xardíns do Coto. O órgano colexiado contará, á marxe dos representantes dos grupos municipais, con historiadores e coa Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática.

Cumprindo o anunciado no pleno ordinario da pasada semana, o goberno local comeza a traballar para dotar ao municipio dun consello que asesore e fundamente, a través de ditames técnicos, as distintas actuación necesarias para dar cumprimento íntegro á Ley de Memoria Democrática.

O Concello de Neda atende deste xeito a petición formulada pola Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática, que traballa dende hai máis de vinte anos en Ferrolterra, Eume e Ortegal de ser parte activa na toma de decisións e no deseño de propostas municipais que teñan que ver coa reparación da memoria das vítimas do franquismo e co cumprimento desta lei.

Na xuntanza, á que asistiron todos os concelleiros do goberno local, ademais da voceira do BNG e o voceiro de Moveneda (o PP xustificou a súa ausencia), participaron membros da asociación memorialista, co seu presidente Manuel Fernández Pita á cabeza, así como o historiador Xosé Manuel Suárez, quen apuntou ademais a vontade de Bernardo Maiz e de Eliseo  Fernández de sumarse á iniciativa. Entre os acordos adoptados figura o de axilizar ao máximo á aprobación por parte do pleno da constitución deste órgano, adaptado á Ley de Memoria Democrática, a diferencia da Comisión de Memoria Histórica creada no concello tempo atrás, e máis plural que aquela.

Acordouse ademais comezar a traballar no que será o primeiro informe técnico que sairá do consello: o relativo á retirada da Cruz dos Caídos. Neste sentido, os  presentes adiantaron a súa opinión favorable á retirada deste símbolo franquista. Medida que apoiará o goberno local tan pronto como dispoña do ditame técnico comprometido.

 

Share.

Comments are closed.