No marco dos actos para conmemorar o Día para a Eliminación da Violencia contra a Muller, o Concello de Neda organiza unha conferencia a cargo da avogada Juana Tenreiro, autora da “Guía municipal contra a violencia de xénero”, este xoves 25 de novembro ás 20 horas na Casa da Cultura. Na mesma, a letrada profundizará na publicación, editada polo Concello, e coa que se busca informar e sensibilizar. Abordará así os distintos tipos de violencia, os seus ciclos, os dereitos das vítimas, ou os indicadores dunha relación de dominio e control. A entrada é gratuíta, con inscrición previa no teléfono 981 39 02 33 (de 9 a 13 e de 16 a 20 h).
Ao día seguinte, venres 26, a Casa da Cultura acollerá ás 20,30 h a obra “Anatomía dunha serea”, de Iria Pinheiro. Na función, unha muller que leva no seu corpo a pegada da violencia obstétrica sufrida durante o parto narra a súa historia dun xeito directo, aberto e autocrítico. Un relato construído mentres a ferida segue aberta, porque as secuelas aínda non foron reparadas e o seu testemuño terá todo o visceral dun caso aberto. Neste caso, o custe da actividade é de 2 euros (e pode reservarse previamente a entrada no 981 39 02 33 e abonala dende 30 minutos antes do inicio da función).
Anatomía dunha serea é un proxecto de teatro documental e autobiográfico que fala das condicións nas que se dá a vida na sociedade actual, de como concibimos a maternidade nun mundo dominado pola lóxica do beneficio económico, de como asumimos a violencia contra as mulleres dentro dun hospital ou dunha sala de partos. Fala de violencia de xénero en lugares insospeitados. Da falta de respecto pola intimidade nas contornas sanitarias e de certos tabús que persisten na sociedade hoxe e aquí. Mulleres e homes temos responsabilidade no que se conta nesta peza, e temos a posibilidade de mudar o relato e a Historia.