Neda celebrará o vindeiro venres en Albarón a tradicional festa dos maios

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Neda prepárase para vivir por todo o alto a festa dos maios. Esta cita tradicional, que o Concello recuperaba nos últimos anos, volverá encher de flores, música e tradición a contorna de Albarón o vindeiro venres 12 de maio. Será unha xornada concibida para favorecer a participación de toda a familia, que concluirá coa actuación de Os Festicultores Troupe.

A iniciativa é un dos piares de “En maio, flores e letras”, o programa deseñado dende o departamento de Cultura, co apoio do de Educación, para celebrar este mes especial no que, ademais desta cita, coa que no pasado se despedía o cru inverno, se conmemora o Día das Letras Galegas.

A festa dos maios incluirá propostas durante toda a xornada, con actividades para todos os públicos. Pola mañá, o protagonista será o alumnado dos dous colexios públicos de infantil do municipio. Os estudantes do CEIP Maciñeira e os do CEIP San Isidro realizarán as súas creacións florais ao redor das árbores da feira, ademais de participar nun “flashmob” de baile tradicional, da man do centro UPA Un paso adelante.

Xa pola tarde, a partir das 17.30 horas, tomarán a testemuña na construción das estruturas florais todos os veciños e veciñas que queiran sumarse á celebración, contando co acompañamento do Grupo tradicional Os Xotas. A oferta de lecer incluirá ademais o espectáculo de música e monicreques de Os Monifates e, posteriormente, unha degustación popular de boliños preñados.

A celebración concluirá coa . A coñecida banda galega cumpre 18 anos de traxectoria, dentro e fora do noso país, en plena forma. A formación traerá a partir das 21 horas o seu anovador espectáculo de rúa que garante baile e diversión.

A celebración dos maios e o resto das actividades de “En maio, flores e letras” estarán organizadas polo Concello co apoio da Deputación da Coruña.

Share.

Comments are closed.