Neda celebrará este domingo a 34 edición da súa Festa do Pan

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Neda prepárase vivirá este domingo, 1 de setembro, un dos seus días grandes. A tradicional Festa do Pan, declarada de Interese Turístico de Galicia, alcanza a súa 34 edición co obxectivo claro de promocionar a variedade e calidade do pan e do resto das elaboracións dos fornos locais. Será nunha xornada na que non faltará o multitudinario xantar popular na enorme carpa habilitada, e unha ampla oferta musical e de lecer.

A cita arrincará ás 10 horas, no Paseo Marítimo de Xuvia, coa a apertura dos postos de venda das panaderías que participan nesta edición: Panificadora Germán, Modesto Hermida, La Gallega, Santa Rita e Packy (J. Castro Hemanos e Viuda de A. Romero colaboran sen stand). E en paralelo, activarase o mercado de artesanía, que contará cunha trintena de vendedores dos sectores máis diversos, ademais de postos solidarios da Asociación Sociocultural ASCM e da Protectora Arco da Vella. A animación correrá a cargo de Berros do Castro.

As seguintes citas imprescindibles serán o Concurso de empanadas (12 h), no que se premiarán as tres elaboracións máis saborosas e mellor presentadas e, como non, a lectura do pregón, a cargo vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social da UDC, a nedense, Ana Ares (13 horas).

Deseguido, a sesión vermú, da man, como sempre, de Los Zares, servirá de antesala ao arranque, a partir das 14 horas do xantar popular. Nesta ocasión, servirase aos comensais un menú que inclúe, ao prezo de 22 euros, empanada, lagostinos, xamón asado, bebida, doce e café, ademais do pan e da sobremesa que poñen as panaderías implicadas nesta edición. Os tíckets poderán mercarse no punto habilitado no paseo de Xuvia ao longo de toda a mañá.

Pola tarde, e tras a animación musical da Charanga da Carmiña, chegarán os xa imprescindibles obradoiros de elaboración de pan para os máis pequenos e pequenas da casa, guiados pola Granxa Escola Belelle. E o broche de ouro virá da man dos concertos de Encrucillada (18.30 horas) e O Sonoro Maxín (19.30 h), que recala en Neda dentro da xira “A primavera ten que ser nosa”.

A Festa do Pan, organizada polo Concello de Neda, está subvencionada pola Deputación da Coruña e conta co financiamento da Xunta, no marco das axudas a concellos para o apoio e difusión das festas de Interese Turístico de Galicia.

Share.

Comments are closed.