Neda celebrará durante os próximos catro días as súas festas patronais na honra de Santa María cunha programación que inclúe música, atraccións de feira e deporte. Recuperará así uns ansiados festexos interrompidos pola covid en 2020 e limitados en canto a actividades en 2021. Arrancarán mañá xoves, festivo local, no adro da igrexa de Santa María. A partir das 12:30 horas, oficiarase a misa solemne con procesión posterior, e ó remate, iniciarase a sesión vermú coa orquestra Alabama, que regresará á noite para compartir escenario na verbena co Dúo Estrelas. O venres 9 de setembro repetirase o guion, e trala misa e procesión haberá sesión vermú co grupo Fama. Tamén pola noite amenizará a festa xunto ó Dúo Delux.
Así mesmo, o sábado 10 de setembro, a festa arrancará ás 14:00 horas coa sesión vermú e a actuación do Trío Karma, tamén presente pola noite na verbena co Dúo CQC. E xa o domingo 11 de setembro, como é tradición, as festas outorgan todo o protagonismo aos máis pequenos e pequenas da casa co Día do Neno. Así, poderán pasalo en grande a partir das 17:00 horas nas atraccións instaladas no adro da igrexa de Santa María a prezos populares. Nesta mesma xornada, a partir das 17:15 horas, o campo municipal Juanito González acollerá o triangular Trofeo Concello de Neda, organizado polo clube local coa colaboración do Concello. Un torneo no que tomarán parte os equipos do Perlío e da Capela, xunto ós anfitrións, a SD Rápido de Neda.
Ademais, Pirotecnia Millarengo volverá a patrocinar as festas locais e ofrecer mañá xoves un fermoso espectáculo de luz e cor sobre o ceo de Neda.
Dende o Concello, que colabora coa comisión nos festexos, anímase á cidadanía a desfrutar destas festas con gran tirón na comarca.