Ante as previsións de mal tempo, o Concello de Neda vese na obriga de reformular a súa programación do Samaín e Magosto 2024. Cancela a Senda das Ánimas pola rúa Real, prevista para este sábado, e, no seu lugar, aposta pola celebración dunha festa infantil no patio interior do CEIP San Isidro, espazo onde se concentrarán ademais o resto das actividades da xornada.
A imposibilidade de realizar en condicións tanto para o público como para o elenco encargado de “animar” este percorrido cheo de historias terroríficas e de sustos, o Concello vén de acordar a suspensión da Senda das Ánimas. A estas horas está a contactar coas 250 persoas inscritas (esgotáranse as prazas) para comunicar a cancelación.
No seu lugar, o Concello deseña unha festa infantil na que ademais do cantabaila de La Guagua Animación, haberá ata sete obradoiros “terroríficos” para que os máis pequenos e pequenas gocen desta festa tradicional. Celebrarase entre as 17.30 e as 19.30 horas, e convídase á rapazada a acudir coas súas cabazas decoradas para montar unha pequena exposición.
A partir dese momento, tal e como estaba previsto, comezará o tradicional magosto. Será tempo para degustar as típicas castañas asadas e tamén os boliños preñados, e desfrutar da animación musical, a cargo dun dj.