O Concello de Neda colaborará un ano máis coas Anpas dos CEIP San Isidro e do Maciñeira no sostemento dos servizos de comedor e madrugadores do curso académico que vén de rematar. O Pleno municipal aprobaba incorporar ao orzamento en vigor (prorrogado do 2022) subvencións nominativas con este fin por un importe total de 12.500 euros.
En función das necesidades de financiamento trasladadas polas respectivas asociacións, en virtude de cadanseu modelo de xestión, a administración local destinará 4.500 euros para o colectivo de nais e pais que se responsabiliza da xestión e organización deste servizo complementario no Maciñeira e 8.000 euros para o do San Isidro.
Coas achegas municipais, o Concello busca apoiar a prestación duns servizos que, ademais dun claro carácter educativo, xogan unha destacada función social. Así, garanten unha alimentación saudable aos usuarios e usuarias, e facilitan que os proxenitores poidan conciliar responsabilidades familiares e laborais.
A Xunta de Galicia, con competencia exclusiva en materia de Educación, conta tamén cunha liña para cofinanciar os servizos de comedor que non asume nin directa nin indirectamente. Na última convocatoria, resolta no mes de xaneiro, e correspondente ao curso 2022/2023, concedía 984,52 euros ao San Isidro e 2.178 ao Maciñeira.