O Concello de Neda activa este mes a terceira edición de “Miúdo verán. Cultura en familia”. O ciclo inclúe espectáculos de teatro e novo circo para o público infantil e familiar ao aire libre, en distintos escenarios. Enmárcase na colaboración co Agadic para dinamizar as localidades polas que discorren as diferentes rutas xacobeas. Este xoves, primeira cita. No paseo marítimo de Xuvia poderase desfrutar da visita de Teatro Ghazaflelhos.
A compañía trae á contorna do albergue de peregrinos nedense, a partir das 20 horas, “As minas do rei Salomón”, unha parodia das películas de aventuras en África producidas no Hollywood dos anos 50. Unha proposta chea de sorpresas, escrita e dirixida por Pepablo Patinho, que convida ao público a reflexionar sobre a preservación do medio natural e da vida.
O xoves 11 de xullo, de novo ás 20 horas, no campo dos Subarreiros, poderase desfrutar do “Up2down”. Trátase dun espectáculo que combina danza e novo circo, xesto e poesía visual. Unha obra de trasPediante, dirixida por Arturo Cobas, e protagonizada por Marta Alonso & Paula Quintas. Unha historia composta por dúas bailarinas, dous cables de funambulismo e dirixidas por un pallaso.
Finalmente, o xoves 1 de agosto, no parque do Principiño, Galitoon presenta a obra de monicreques “Kori de Kokorico”, unha montaxe sobre educación viaria, perfecta para aprender as normas de circulación, cun extraterrestre como gran protagonista.
O Concello de Neda pon en marcha “Miúdo verán. Cultura en familia” co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais, a través do programa Cultura no Camiño, destinado a potenciar a oferta escénica nos localidades polas que pasa o Camiño de Santiago, durante os meses de maior afluencia de visitantes.