Un total de setenta persoas sumáronse nesta solleira mañá de sábado a andaina saudable, incluída polo Concello de Neda na programación municipal do 8M. Unha proposta de lecer activo, baixo o lema “Avanzando en igualdade”, cun percorrido que roldou os 7,5 km.
Os participantes saían, segundo o previsto, ás 10 horas dende Albarón, percorrendo beira do río Belelle ata o Roxal, para seguir logo por Gandarela, subir ata Ardá e, dende esta zona, iniciar o descenso cara ao punto de partida, pasando por Alcallás, Escorial e a Mourela do Medio. Sen dúbida, unha boa forma de comezar a fin de semana
A actividade, que contou co apoio da Agrupación de voluntarios de Protección Civil e SCD Roxal, forma parte da programación especial con motivo do Día internacional da Muller. Unha oferta que se completará a vindeira semana con actividades nos centros educativos e coa Xuntanza de mulleres de Neda.