Neda acolle un encontro de técnicos municipais para fomentar a accesibilidade na Rede cultural da Deputación

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Neda convertíase esta mañá en sede do primeiro dos encontros de “Unha rede cultural accesible”, un programa de sensibilización, formación e asesoramento, que impulsa a Deputación da Coruña e o sector escénico, representado en Escena Galega, para ir avanzando, de forma progresiva,  cara a accesibilidade na Rede Cultural, tendo en conta que a cultura é un dereito de todos e todas.

Preto dunha vintena de técnicos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal, aos que daba a benvida a concelleira de Cultura, Marián Bello, participaron na Casa da Cultura no primeiro dos encontros programados na provincia para avanzar neste eido. A sesión serviu para facilitar información de contexto sobre terminoloxía, empatía, trato con persoas con discapacidade, lexislación, así como para avaliar medidas e ferramentas de accesibilidade.

Ademais, na cita participaron persoas con discapacidade visual, auditiva e cognitiva, que transmitiron ao persoal dos concellos involucrado na xestión as súas necesidades reais para poder acceder ás actividades culturais.

A iniciativa busca pois dar pasos para adaptar as actividades da Rede Cultural (os espazos, a comunicación, os contidos e os produtos e servizos asociados) para garantir as condicións de accesibilidade universal a persoas con discapacidade física, sensorial e cognitiva, chegando a novos públicos.

As persoas que asistiron ao encontro desta mañá poderán tomar parte tras o verán nos encontros formativos que se levarán a cabo para facilitar un coñecemento teórico e práctico das medidas e ferramentas de accesibilidade que se deberán implementar.

En paralelo, haberá unha convocatoria, dirixida a compañías profesionais de artes escénicas interesadas en solicitar un asesoramento individualizado que lles axude a incorporar medidas de accesibilidade aos seus proxectos escénicos. E como complemento, elaborarase un documento-guía de accesibilidade con recursos e recomendacións, que estará dispoñible tanto para os concellos e compañías.

Share.

Comments are closed.