Neda desenvolverá nos próximos meses obras de mellora no Camiño Inglés ao seu paso polo casco histórico. Turismo de Galicia vén de notificar o seu apoio ao proxecto do Concello para a restauración do pavimento das rúas Paraíso e Real, en pleno casco histórico da vila.
A iniciativa busca mellorar o estado actual destas céntricas vías, pavimentadas con lousas de granito, que presentan danos derivados tanto da rotura das pedras como do afundimento do firme en algún punto, polo paso de camións. Esta situación deriva en risco de caída para os viandantes e dificulta nalgún tramo o paso de persoas con problemas de mobilidade.
O Concello acada preto de 40.000 euros (o 90% do orzamento total), no marco da convocatoria de axudas para actuacións de embelecemento do litoral galego, financiada con fondos Next Generation, para dar unha solución permanente a este problema, favorecendo o tránsito xeral nunha rúas ben frecuentadas, tanto pola veciñanza como polos milleiros que pasan cada ano milleiros de peregrinos e peregrinas.
As obras consistirán na demolición das zonas de firme danadas- actuarase en corenta puntos ao longo das céntricas rúas Paraíso e Real- e a substitución das lousas rotas ou afundidas por outras novas, e o levantado e nivelación do pozos e arquetas de rexistro. Ademais dunha evidente mellora para a seguridade viaria, a materialización do proxecto suporá a completa restauración das rúas centrais do casco histórico, nas que o Concello ven realizando pequenas actuacións de mellora. Tanto a rúa Paraíso como a rúa Real conforman unha típica imaxe de Neda, coas súas vivendas mariñeiras e os seu soportais.