O Concello de Neda abría co inicio do mes de xullo as portas da Oficina Municipal de Turismo nas instalacións do Albergue de Peregrinos, punto estratéxico de recepción ao visitante. Facíao grazas á incorporación dunha técnica de Turismo contratada ao abeiro da liña de subvencións aberta pola Deputación provincial da Coruña. Ofrecerá información sobre os principais recursos turísticos da localidade de luns a venres de 14,30 a 21,30 horas, ata finais do mes de outubro.
Nestas primeiras xornadas de traballo, segundo explica a técnica, María Victoria Fornos, estase a notar a reactivación do Camiño Inglés, co aumento no número de peregrinos e peregrinas que realizan a ruta xacobea marítima. Un Camiño que permite, no mesmo trazado ao seu paso por Neda, descubrir o casco histórico de Neda e puntos de visita obrigada como a Torre do Reloxo ou as igrexas de Santa María e San Nicolás. E tamén apartarse algo do itinerario para achegarse a escenarios tan espectaculares como a Fervenza do Belelle e a paisaxe que rodea os muíños que bordean o cauce ou os miradoiros de Ancos e Viladonelle.