“Neda a petiscos” despídese esta fin de semana coas últimas degustacións de empanadas e doces da vila

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Última fin de semana de degustacións gratuítas nos establecementos de hostalería local de produtos enfornados por tafonas do municipio.  Serán seis novas citas no marco de “Neda a petiscos” para que veciñanza e visitantes poidan saborear, acompañando ás súas consumicións, empanada, bola ou proia subministradas polo concello.

A iniciativa municipal para fomentar o consumo de pan de Neda e doutras elaboracións dos fornos da vila e máis para incentivar a visita aos negocios de restauración, chega á súa recta final. E faino, seguindo o esquema das semanas anteriores. Así, segundo as preferencias dos locais, haberá tres citas na hora do almorzo, e outras tres á hora do viño.

O sábado pola mañá poderase saborear no café bar Oriental a bola de patrón preparada polo Forno de Binuca. E na mesma xornada, ao mediodía, poderanse probar as súas soadas empanadas sen gramar e as de Panificadora Germán no Bar Catalina. Mentres, a clientela de La flor de mayo, na zona de Xuvia, degustará a empanada servida pola La barra de oro e máis por Panadería Tito.

Derradeiras catas

O domingo, xornada de peche desta campaña gastronómica, será un bo día para os máis larpeiros. Co café matinal, terán ocasión de probar a riquísima proia de Panificadora Germán en Casa Arribe (zona do Puntal), e na cafetería da Pensión Maragoto (Xuvia), a bola de ovo enfornada por J. Castro Hermanos. Xa por último,  na hora do aperitivo, acompañando á bebida, haberá petiscos de empanada do Forno de Liñares e da confeitaría O Carrizo no mesón O Recuncho (casco histórico de Neda).

Dende o Concello animan a veciñanza e visitantes a participar nas últimas citas de “Neda a petiscos”, un programa gastronómico que, nesta segunda edición, conta co respaldo de 12  panaderías do municipio e de 18 locais de restauración.

Share.

Comments are closed.