Margarita Díaz Sanz é dende este luns nova concelleira do grupo municipal do PSOE de Neda, en substitución de José Sanmartín, edil delegado da área de Servizos dende o ano 2019 que presentaba a súa dimisión, por motivos persoais, o pasado mes de xullo. Coa incorporación desta veciña da zona dos Pazos, o equipo de goberno municipal volve contar con seis integrantes.
A nova concelleira, que debuta na política local, concorreu nos pasados comicios como número sete da candidatura encabezada por Ángel Alvariño. Unha vez cumpridos os correspondentes trámites, a Díaz tomaba posesión no pleno ordinario desenvolvido esta mañá na Casa da Cultura, tras prometer cumprir as obrigas do cargo, facendo gardar a Constitución como norma fundamental do Estado.
Tal e como apunta o rexedor municipal, a nova concelleira asumirá as delegacións de Sanidade e de Medio Rural, dúas das áreas que, dende o comezo deste mandato, estaban nas mans do edil dimisionario. E o segundo reaxuste derivado da saída de Sanmartín. O primeiro foi o nomeamento a comezos de agosto de Javier Novo, edil de Medio Ambiente e Urbanismo, como membro da Xunta de Goberno Local e terceiro tenente alcalde de Neda.
Outros asuntos abordados
Durante a sesión plenaria, aprobouse por unanimidade a continuidade de Oliva Ardao como xuíza de paz do municipio (presenta o perfil e experiencia máis acaídos ao posto dos catro candidaturas presentadas). E coa maioría absoluta do goberno local e a abstención da oposición, deuse luz verde tanto á conta xeral como ao preaviso á empresa adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar da concesión de prórroga por un ano, requirindo ademais á firma o cumprimento das demandas de mellora trasladadas polas traballadoras.