O cantautor Marcos Mella presentará este venres en Neda o seu último traballo discográfico, “300 meses”. Será nun concerto no paseo marítimo de Xuvia, nas inmediacións do Albergue municipal de Peregrinos, a partir das 20 horas, e nel estará acompañado polo pianista Fran Rey. As persoas interesadas en asistir deben reservar xoves e venres a súa entrada chamando ao teléfono 981 39 02 33. En caso de choiva, a actuación trasladarase á Casa da Cultura.
O concerto inclúese na programación cultural do Concello de Neda neste mes de setembro, co apoio da Xunta a través do programa Cultura no Camiño.
O músico e compositor ferrolán traerá a Neda os temas do seu último disco, “300 meses”, no que Mella estivo a traballar durante os dous últimos anos e no que colaboraron un bo número de artistas como Rosa Cedrón, Lucía Pérez, Irene Caruncho, Fito Mansilla ou Rebeca Jiménez, entre outros.