O Concello de Neda anima aos veciños e veciñas do municipio a tomar parte este venres, 22 de novembro, na nova edición da “Marcha polo bo trato”. Trátase dunha andaina reivindicativa, que encabezarán estudantes locais, en repulsa pola violencia de xénero nas súas distintas formas (psicolóxica, física, económica, vicaria, sexual, dixital…), e en defensa da igualdade real entre homes e mulleres.
A marcha partirá ás 10.30 h da contorna do albergue de peregrinos, onde se sumará parte do alumando dos centros educativos públicos da vila (últimos cursos do CEIP San Isidro e do CEIP de Maciñeira, e 1º da ESO do IES Fernando Esquío), cara á Casa Consistorial.
Neste punto, as persoas participantes gardarán un minuto de silencio polas mulleres que perderon a vida ao longo deste ano como consecuencia deste tipo de violencia e pendurarase na fachada a pancarta que portarán os estudantes. Estes dirixiranse deseguido ata o Casa da Cultura para poñer en común as súas reflexións sobre a necesidade de seguir loitando contra esta violencia, destinada a impor unha situación de dominio do home sobre a muller.
O Concello aposta, unha vez máis, por un percorrido de dificultade baixa, dunha duración estimada de media hora, co ánimo de facilitar a asistencia de todo o mundo que queira participar na iniciativa. A proposta forma parte da programación especial deseñada polo Concello con motivo do 25 N, e conta co apoio do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.