Martes, Decembro 3

MANIFESTO ORGULLO 2022

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O 28 de xuño é o Día Internacional do Orgullo LGTBI en conmemoración das revoltas que tiveron lugar en Nova Iork no ano 1969, cando un grupo formado maioritariamente por persoas transexuais rebelouse contra a súa detención no bar Stonewall.

No noso país, a data de Día Nacional foi instaurada oficialmente en 2018 como recoñecemento á loita e ó labor das persoas e dos colectivos LGTBI.

O lema da manifestación estatal deste ano é “Frente ao odio: Visibilidade, Orgullo e Resiliencia”. Con este lema os convocantes queren denunciar os discursos de odio que se verten contra o colectivo e reclamar a defensa das leis que dotan de dereitos ás persoas LGTBI.

En 2021 os delitos de odio denunciados no noso país ascenden a 1802 casos, dos cales, 477 (o 26,5%) son contra a orientación sexual e a identidade de xénero. Agresións que se producen de maneira constante. Como aconteceu en Oviedo o 5 de decembro, no Eixample de Barcelona o 7 de decembro, en Getxo o 7 de marzo, en Ourense o 15 de abril, en Badalona o 13 de maio, en Euskadi o 17 de maio, en A Coruña o 31 de maio, en Santa Coloma de Gramanet… Ou o asasinato de Samuel Luiz o 3 de xullo do 2021.

Pero tamén existen outro tipo de agresións que non son físicas e que sofre o colectivo a diario.

Unha delas foi a que sofrimos na noite do domingo 26. O pasado xoves 23 a bandeira LGTBI quedaba colocada no balcón do concello de Neda. Pois ben, o luns 27 pola mañá a bandeira desaparecera.

Consideramos este acto como unha proba da homofobia e odio que sofre o colectivo tódolos días.

Dende o Concello de Neda imos condear sempre estes actos. Non podemos permitir que parte da poboación siga sentíndose ameazada, odiada, agredida e asasinada e que non pase nada.

Os discursos de odio están facendo que aflore, cada vez máis, esa homofobia que ata o de agora estaba agachada e que moitos non se atrevían a amosar.

Por iso, máis que nunca, loitaremos e berraremos ben alto pola igualdade e pola liberdade de tódalas persoas.

Por todo isto, máis que nunca, dende o Concello de Neda, seremos bandeira das liberdades e dos dereitos de tódalas persoas. De como se sintan e de como queiran vivir a súa vida libremente, porque non hai nada máis importante que a igualdade, a diversidade e o respeto para que unha sociedade sexa xusta e rica.

Feliz Día do Orgullo LGTBI 2022!!!

Share.

Comments are closed.