MANIFESTO CONCELLO DE NEDA 25 NOVEMBRO

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Cada 25 de novembro o mundo conmemora o Día Internacional de Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e cada 25 de novembro, o Concello de Neda únese ao compromiso de millóns de mulleres e homes a favor da xustiza e a igualdade que un día como hoxe alzan a voz contra a violencia machista.

A violencia machista segue totalmente presente na nosa sociedade. A proba disto son os datos recentes dados a coñecer a mediados de outubro por parte do Observatorio do Consello Xeral do Poder Xudicial que indicaba que os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre de 2022 ata 1.813 denuncias por violencia machista, un 9,9% máis que no mesmo período de 2021.

Ademais da preocupación pola vixencia da violencia machista, o contexto de 2022 engade a incerteza dunha situación económica na que a escalada de prezos que se vive desde hai máis dun ano impacta con virulencia nas mulleres, afondando na desigualdade.

Os grupos municipais do Concello de Neda compartimos a dor e o sufrimento de tantas mulleres que sofren violencia, das súas fillas e fillos, nais, pais, familiares e amizades. Somos conscientes de que o camiño cara a igualdade e cara a unha sociedade libre de toda violencia aínda é longo, e sempre contribuiremos a poñerlle fin a esta lacra.

Por iso hoxe queremos lembrar a Sara, Mónica, Claudia Abigail, Mercedes. Lobna, Isabel, María Ángeles, Ivet, Victoria Cristina, Teodora, África, Natalia, Ouardia, Clotilde, Florina, Maite, Eva María, Luisa María, Diolimar, Gemma, Virginia, Amparo, Mari Nieves, Cristina, Trinidad, Abigail, Eva María, María del Carmen, Anna, María Luisa, Débora, Raquel, Esther, Adoración, Imane, Irina… e tantas otras mulleres que foron asasinadas neste ano.

O 25 de novembro, fronte a quen nega a existencia dunha violencia específica contra as mulleres polo feito de ser mulleres, o Concello de Neda está no seu compromiso coa igualdade, liberdade e seguridade das mulleres do noso país. Porque non é posible un país democrático se as mulleres teñen medo e sofren violencia.

Share.

Comments are closed.