O 8 de marzo, Día Internacional da Muller, é a data marcada no calendario internacional para lembrar que a desigualdade de xénero segue a estar vixente, e que se foron moitos os logros acadados, queda aínda moito camiño por recorrer.
Nacións Unidas elixiu para este día o lema “Por un mundo dixital inclusivo: Innovación e tecnoloxía para a igualdade de xénero”, poñendo o acento nas desigualdades sociais e económicas consecuencia da fenda dixital de xénero, así como na necesidade de abordar a violencia de xénero nos espazos dixitais que padecen nenas e mulleres.
Son as mulleres as que levan loitando moitísimos anos na rúa para reivindicar os seus dereitos e a súa liberdade. Mulleres fortes, valentes, constantes e comprometidas que conseguiron que, pouco a pouco, se lles fosen recoñecendo os seus dereitos e que moitos homes se vaian unindo á súa loita, pero queda moito por facer.
Aínda, as mulleres teñen que enfrontarse a situacións de inseguridade, liderado, conciliación, violencia, corresponsabilidade, inclusión, fendas, teitos, falta de dereitos e oportunidades, empoderamento e visibilidade. Ademais, seguen a soportar o cuestionamento continuado da extrema dereita negando a desigualdade, tentando desacreditar ao movemento feminista e negando, sistematicamente, a lacra que produce a violencia machista onde, as mulleres, polo feito de selo, son asasinadas.
Así, o Concello de Neda seguirá apoiando e loitando pola igualdade real e efectiva e posicionándose do lado das mulleres para conseguir unha igualdade real e efectiva en todos e cada un dos ámbitos da sociedade.