Un total de 112 nenos e nenas inscribíronse para participar este sábado, 15 de xuño, na “VII Carreira Escolar Concello de Neda”. A proba, que dará comezo ás 10 horas, desenvolverase na contorna do albergue de peregrinos, no paseo marítimo de Xuvia.
Dirixida a menores de entre 4 e 12 anos, a competición incluirá as categorías biberón, prebenxamíns, benxamíns e alevíns, que terán que completar unha distancia de 50 metros, 350, 700 e 1.050 metros, respectivamente.
O alumnado dos colexios locais será o gran protagonista da proba, coa que o Concello trata de impulsar a práctica do atletismo entre os máis pequenos do municipio. Así, confirmaron participación 49 menores do CEIP Maciñeira, 47 do CEIP San Isidro e 9 da escola de Semente de Trasancos. Haberá ademais alumnado dos colexios Ponzos, Belén, Ledicia e dos naroneses CEIP do Feal e Jorge Juan.
Lembran dende o servizo de Deportes os dorsais do alumnado procedente de centros educativos doutros municipios poderanse recoller no lugar da carreira a partir as 9.30 horas. O obxectivo da carreira, de crear afección por esta disciplina deportiva e fomentando a convivencia e o deporte en igualdade. A actividade conta co respaldo do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.