Un total de 329 persoas tomarán parte na San Silvestre de Neda. Deportistas federados e non federados de todas as idades inscritos na carreira que organiza o Concello co apoio da Federación Galega de Atletismo e máis a Deputación. Unha forma saudable de despedir o ano este sábado, 31 de decembro, practicando deporte nunha contorna natural privilexiada. Saída e meta estarán situadas na pista deportiva do Roxal, e os percorridos oscilan, segundo a categoría, entre os 700 metros e os 5,4 kms. Ademais, anímase á veciñanza a acudir con disfraces de Nadal para crear ese ambiente festivo que se pretende coa cita.
A retirada de dorsais poderá realizarse dende as 9:00 horas, unha hora antes do inicio da carreira, que se prevé arranque ás 10:00 horas. Lémbrase tamén que o Concello conta cunha zona de aparcadoiro nas inmediacións da pista, dispoñible para os/as participantes, así como outra área próxima á entrada do vial de acceso á Fervenza, xunto ao Pazo de Isabel II. Neste sentido, o Concello solicita a colaboración veciñal para evitar o estacionamento ao longo do percorrido -entre as 10 e as 12 h, tempo no que se estima transcorra a proba-. Para iso, tamén informará do itinerario repartindo polas vivendas próximas carteis informativos esta tarde.
Ao seu remate, procederase á entrega de trofeos para os tres primeiros clasificados por categoría, masculina e feminina.