Máis de 200 atletas despedirán o ano correndo este domingo a San Silvestre Concello de Neda

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Un total de 216 deportistas participarán este domingo na “II San Silvestre Concello de Neda”. A proba, pertencente ao calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e incluída no “IX Circuíto de carreiras Deputación da Coruña” disputarase no Roxal a partir das 10.30 horas, comezando polas categorías de menores. Un ano máis, anímase a acudir con disfraces de Nadal para crear ese ambiente festivo que se pretende coa cita.

Serán 153 os atletas, federados/as ou non, de oito categorías que van dende a sub 18 á master 4 (nados/as en 1963 ou antes), os que compitan na proba absoluta. Contará cun percorrido por asfalto de aproximadamente 5,4 km. Con saída e meta na pista polideportiva, o itinerario discorrerá en paralelo ao río Belelle ata a Fervenza, e terá que cubrirse nun tempo máximo de 45 minutos.

Na proba das categorías sub 16 e sub 14, cunha distancia de 1,4 km, correrán 19 deportistas, dando dúas voltas ao circuíto pequeno deseñado pola organización na contorna habitada; e serán 44 os que compitan na de sub 12 e sub 10 (nacidos en 2014-2015), que terán que completar unha volta ao circuíto circular de 700 metros.

Segundo figura no regulamento da San Silvestre, a retirada de chips e dorsais farase no polideportivo do Roxal entre as 9:15 e as 10:15 h, e recibirán trofeo os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina.

As persoas participantes poderán aparcar tanto no estacionamento disuasorio, situado nas inmediacións da instalación deportiva como no localizado xunto ao Pazo de Isabel II, ao comezo da estrada que conduce ata a Fervenza.

Para facilitar o desenvolvemento da competición, apela á colaboración veciñal, solicitando que se evite estacionar ao longo do percorrido entre as 10 e as 12.30 h, Co obxectivo de que estean informados do percorrido, procederase ao reparto polas vivendas próximas carteis informativos.

Share.

Comments are closed.