Un total de 165 persoas está previsto que participen este domingo no Cocido interxeracional de Entroido, que promove o Concello de Neda. Co reclamo da gastronomía tradicional do carnaval galego, a cita busca propiciar o encontro entre veciños e veciñas de todas as idades. Haberá ademais música en directo e sorteo de agasallos.
O polideportivo municipal Ale de Paz será, a partir das 14 horas, o escenario elixido para a celebración, á que se sumará maioritariamente xente da localidade. Trátase dunha festa para os amantes da boa mesa na que os sabores máis típicos destas datas serán protagonistas.
O menú previsto inclúe sopa para quecer o corpo, e un potente cocido, con grelos, patacas, lacón, costela, orella, touciño, chourizo e tenreira. E todo acompañado, claro está, da bebida.
Rematado o xantar, haberá tempo de música e o baile para baixar calorías. Así, o encontro contará coa actuación ao vivo de Carlos Manteiga. Finalmente, durante a xornada sortearase entre os asistentes diferentes cestas con produtos típicos destas datas.