A rondalla Lucero del Alba presenta este sábado á súa madriña na Casa da Cultura de Neda

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A unha semana vista da celebración da Noite das Pepitas, a Agrupación musical Lucero del Alba organiza este sábado na Casa da Cultura de Neda a tradicional presentación da súa madriña. A cita, na que se “investirá” oficialmente a Jezabel Santoro Bellón, está aberta á veciñanza, e arrincará ás 19 horas. A boa música está asegurada.

Así, a cerimonia do cambio de madriña, coa colocación da banda e imposición da capa por parte da anterior homenaxeada, incluirá un pequeno concerto. O repertorio incluirá, ademais das pezas coas que se rondou o pasado ano á madriña, Lucía Ríos, a modo de despedida, a danza e o vals elixidos para dar á benvida á nova.

A rondalla Lucero del Alba, que cumpre seis décadas este ano, foi a primeira da comarca en contar con voces femininas. Na actualidade suma unha trintena de integrantes, entre voces e instrumentistas.

A agrupación, presidida por Ángeles Díaz Castro e dirixida por Eduardo Mallen, está previsto que participe neste 2025 nas celebracións das Pepitas tanto en Ferrol como en Mugardos, os días 15 e 29 de marzo, respectivamente.

Share.

Comments are closed.