A Axencia Galega de Infraestruturas, publicou hoxe na Plataforma de Contratos de Galicia a licitación das obras execución dunha nova glorieta na intersección das estradas autonómicas AC-862 e AC-115 en Xuvia, no concello de Neda, por un importe de 369.109,92 euros.
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Neda, Ángel Alvariño, visitou esta mañá a zona para anunciar esta actuación que dá resposta á reivindicación do goberno municipal de reordenar o tráfico nesta intersección, eliminando a actual regulación semafórica.
As empresas interesadas neste contrato poden presentar as súas ofertas ata o próximo 14 de abril. O prazo de execución dos traballos é de cinco meses.
Tal e como destacou a delegada territorial, a intervención, que suporá un investimento de máis de 405.000 euros, incluídas as expropiacións necesarias, permitirá incrementar a fluidez do tráfico na zona coa construción dunha glorieta cunha circunferencia de radio 16 metros no anel exterior da calzada, e 8 metros de diámetro no anel interior, que será de formigón cunha pequena zona verde interior.
Actuarase, ademais, nos treitos de acceso e saída da glorieta da AC-862 e AC-115, nos que se realizarán adaptacións pola implantación desta nova infraestrutura. As obras de mellora da seguridade viaria facilitarán ademais o acceso ao lugar da Bacela e completando as beirarrúas da zona do Portazgo.