Venres, Xaneiro 16

Presentado oficialmente en Neda o libro que afonda na historia orixinal da chegada do tranvía a Ferrolterra

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O escritor Tomas Casal Pita presentaba oficialmente, onte á tardiña, na Casa das palmeiras o libro “El tranvía de Ferrol a Neda. Primeira parte 1890-1939”. O autor, acompañado polo alcalde Ángel Alvariño, ofrecía un pequeno repaso dos prolegómenos e primeiros anos do tranvía na comarca, cuxa idea orixinal naceu a finais do século XIX do propietario da fábrica de tecidos de Xuvia, Francisco Barcón y Quevedo.

A obra, segundo subliñou Casal Pita, é o resultado dun amplo traballo de investigación, que toma como referencias as publicacións na prensa da época e a documentación existente nos arquivos oficiais. Cunha copia reducida do plano do primeiro proxecto orixinal, datado no ano 1900, explicaba as vicisitudes que demoraron o proxecto durante case un cuarto de século.

O libro, editado por Toxosoutos, debulla polo miúdo esa historia, e inclúe imaxes da época, ilustracións de Julio Ferrín, presente na cita, e anexos documentais e unha morea de curiosidades, como o feito de que o tranvía nunca chegara a inaugurarse. “Comezou a andar en probas e por tramos no ano 1924. E funcionou durante máis de un ano sen permiso de circulación”, sinalaba o autor, quen falou ademais do desinterese da empresa por estender a liña dende O Portazgo ata Santa María.

O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, agradeceu o labor de recuperación histórica realizado por Casal Pita e puxo en valor o dispor dunha obra en papel de referencia que permitirá ás futuras xeracións coñecer ese anaco do pasado de Ferrolterra. A obra está dispoñible dende hai unhas semanas en librarías de Ferrolterra.

Share.

Comments are closed.