A pesar de que o tempo non acompañou, preto de 180 atletas, federados e non federados, tomaban parte esta mañá na “II San Silvestre de Neda”. Unha cita organizada polo Concello, que formaba parte do calendario oficial Federación Galega de Atletismo e estaba incluída no “IX Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña”. Juan Rejas, do Triatlón Ferrol, e a naronsesa Begoña Pacio fixéronse coa vitoria na proba absoluta.
A cita deportiva, na que se mesturaron a compoñente competitiva e máis a festiva -non faltaron os tradicionais complementos de Nadal- tivo, un ano máis, como punto de saída e de meta a pista polideportiva do Roxal. A carreira das categoría sub10 e sub12 (circuíto de 700 m) abriu a xornada e, tras ela, como anticipo da absoluta, chegou a sub14 e sub16 (1.400 m).
Na proba estrela (5,4 km por asfalto, discorrendo o tramo central á beira do río Belelle ata alcanzar a contorna da Fervenza) Juan Rejas Gabeiras (1º) fixo o mellor tempo, seguido dos nedenses do A.D. Nautico Narón Jonathan Fernández (2º) e Eloy Breogán Villanueva Rico (3º). Mentres, a clasificación feminina estivo liderada por Begoña Pacio (1º), seguida de Nuria Mejuto (2º), da Sociedad Deportiva Compostela Atletismo; e Sonia Corral (3º), pertencente ao Club Dalle Gas Running Team. Os resultados ao detalle poden consultarse na web carreirasgalegas.com
O acto de entrega de trofeos, tres por categoría masculina e feminina, estivo presidido polo alcalde Ángel Alvariño. E a cita deportiva foi posible, grazas a axuda prestada polos voluntarios e voluntarias da agrupación de Protección Civil de Neda.