Mércores, Febreiro 1

Inscricións abertas en “Ola mundo!”, un obradoiro de creación coa artista Doa Ocampo

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A artista Doa Ocampo guiará este sábado 28 de xaneiro un obradoiro de creación de bandeiras baixo o título “Ola mundo!” Dirixido a veciños e veciñas a partir de 16 anos, terá lugar na Casa das Palmeiras, en horario de 11:00 a 14:00 horas, e a participación é gratuíta, con inscrición previa ao tratarse de plazas limitadas. Para anotarse tan só hai que chamar ao teléfono da Biblioteca en horario de 9:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Esta actividade forma parte da mostra “Arte Ambulante”, de A Colectiva, á que puidemos achegarnos no mes de novembro en Neda, e aínda que se ía celebrar nesas xornadas, causas de forza maior obrigaron a aplazar ata este sábado a acción.

Así pois, “Ola mundo!” é un obradoiro de creación de bandeiras como mensaxes para o mundo, realizadas con tecidos reciclados e mediante técnica de colaxe, bordado libre e pintura sobre o tecido. Segundo explica a artista Doa Ocampo, por motivos evidentes, asociamos as bandeiras a poderosas simboloxías colectivas, sempre un pouco ameazantes cando non compartimos a filiación ao grupo ao que representan, sexa o dunha nación, un partido político ou un equipo de fútbol. Sen embargo, para Ocampo, tamén podemos proxectar sobre as bandeiras outra mirada, pois non deixan de ser formas, cores e debuxos sobre teas, pensadas para lanzar mensaxes ao vento.

Unha mirada poética -prosegue- pode servinos para pensar as posibilidades das bandeiras como soportes pictóricos, mediante os que tamén podemos lanzar ao vento mensaxes máis persoais. Esta será a idea de fondo do obradoiro impartido pola artista, con ampla experiencia en arte no espazo público que ten traballado en diversas ocasións coa forma da bandeira. Nunha primeira parte do obradoiro, as participantes realizarán un bosquexo en papel da súa idea de bandeira, para logo compoñer as bandeiras utilizando tecidos reciclados.

SOBRE A ARTISTA

Doa Ocampo estudou Artes Plásticas nas universidades de Vigo, Lisboa e Guadalajara (México), ademais de ter formación como fotógrafa na ESAD Pablo Picasso da Coruña. Na súa traxectoria son frecuentes as intervencións de arte pública, para as que participou en numerosas residencias. Amosou este tipo de traballo en cidades como Santiago de Compostela, Vigo, Madrid, Barcelona, Valencia, Cáceres, Castellón, Zaragoza, Salamanca, Covilhá (Portugal), Padova (Italia), Ferizaj (Kosovo), Lyon (Francia), Roubaix (Francia) ou Jalisco (Mexico), entre outras. Foi galardoada coas Axudas Injuve 2014 e o Premio do III Certame de murais Muros que unen (Fondo Galego de Cooperación).

Share.

Comments are closed.