Domingo, Xaneiro 18

O escritor Francisco Narla visita Neda este venres para presentar a novela “El buen vasallo”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Visita de excepción na biblioteca municipal de Neda. O escritor lucense Francisco Narla estará este venres pola tarde no espazo cultural para presentar a súa última obra El buen vasallo. Unha nova novela histórica que, desta volta, xira ao redor da figura do coñecido como Cid Campeador, cuxa lenda superou ao personaxe, e da relación co seu descoñecido fillo varón.

O piloto e autor de éxitos como Assur, Ronin ou Laín. El bastardo (Premio Edhasa de Narrativas Históricas 2018) sitúanos nesta décima obra- a primeira publicada en Grijalbo- no medievo español, afondando na historia inzada de mentiras de Rodrigo Díaz de Vivar.

Un heroe da época que realmente non foi condenado a un desterro senón a dous, e que ademais de dúas fillas- María e Cristina, non Elvira e Sol- ten un fillo, Diego, que morre loitando contra os almorábides, do lado de Alfonso VI, inimigo do seu pai. Precisamente en El buen vasallo, Francisco Narla pon o foco na pugna dese fillo, criado para converterse no mellor dos capitáns, por atopar o recoñecemento e o amor dun pai duro e cruel.

A presentación deste novo best seller do lucense, no que honor, vinganza, redención e amor son ingredientes fundamentais, terá lugar a partir das 18.30 horas, con entrada libre e gratuíta. A biblioteca de Neda consolidase así como escaparate dos novos traballos de autores locais, e como punto de encontro con novos creadores e con autores galegos xa consagrados, como neste caso.

Share.

Comments are closed.