Mércores, Abril 23

Neda acada novas axudas para actualizar os fondos da biblioteca municipal

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda aposta por seguir ampliando os fondos da biblioteca pública municipal, que supera na actualidade os 30.000 exemplares. Con esta finalidade, sumará aos fondos propios dúas pequenas axudas da Consellería de Cultura para a adquisición de novidades para actualizar o catálogo bibliográfico local.

No marco das axudas aos espazos culturais incorporados á Rede galega de bibliotecas, disporá dunha achega de 775 euros euros para mercar títulos editoriais en galego no momento da súa entrada no mercado. Terá que ser unha compra de libros en formato físico.

En paralelo, contará cunha aportación de 1.463 para a mellora das coleccións bibliográficas, coa finalidade poñer ao día o catálogo de títulos para a consulta en sala e máis o préstamo a domicilio tanto en castelán como en galego. Trátase pois de mellorar o servizo bibliotecario cunha colección máis completa, diversificada e actual.

Cómpre lembrar que a biblioteca municipal, cunha intensa actividade de dinamización, é a cuarta en Galicia con máis préstamos bibliotecarios por cada 1.000 habitantes e dispón dunha colección de máis de 30.200 libros, ocupando o posto 12 no ránking galego por volume de obras en relación á poboación local.

Share.

Comments are closed.