Rematan ao fin as obras de construción da glorieta de Xuvia, unha intervención reclamada polo Concello de Neda, co obxectivo de mellorar a fluidez do tráfico na zona e reforzar a seguridade viaria. A delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o alcalde, Ángel Alvariño, acompañados por outros representantes municipais, supervisaron esta mañá o resultado dos traballos, nos que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas investiu uns 405.000 euros.
As obras, que permitiron eliminar a regulación semafórica do cruce, resolven a intersección entre as estradas autonómicas AC-862 e AC-115, por medio da execución dunha rotonda cunha circunferencia de radio de 16 metros no anel exterior da calzada, e 8 metros de diámetro no anel interior.
O proxecto executado incluíu ademais adaptacións dos treitos de acceso e saída á nova glorieta dende as estradas sinaladas, o entronque co camiño da Bacela, e a construción dun novo treito de beirarrúas nunha das marxes do Portazgo.
O alcalde e máis a representante do goberno galego subliñaron que as obras, coas que, por diferentes circunstancias, a veciñanza tivo que convivir durante máis dun año, melloran de forma significativa a mobilidade da zona.