O Concello presenta a programación da XXXV Festa do Pan de Neda

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda vén de presentar a programación da Festa do Pan de Neda, que terá lugar o primeiro domingo de setembro. Ademais dos tradicionais postos de venda de pan, empanadas, e doces das panaderías locais, a xornada terá o seu punto forte no xantar popular que, como sempre, aspira a reunir a centos de persoas no paseo marítimo, e contará cunha ampla oferta de lecer complementaria.

Protagonistas

Como se avanzou, o publico que se achegue á 35 edición da emblemática cita gastronómica, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, terá a ocasión de mercar os produtos saídos dos fornos nedenses de La Nueva, Panificadora Germán, Santa Rita e Paca Castro, se ben tamén colaboran co evento Modesto Hermida, La Gallega e J. Castro Hermanos. A apertura destes efémeros puntos de venda, xunto cos do habitual mercado artesán, marcará o inicio do evento, a partir das 10 horas. Non tardará en chegar o pasarrúas Viqueiras con gaiteiros e cabezudos para animar o ambiente.

Ao mediodía terá lugar a nova edición do Concurso de empanadas, que repartirá vales de 200, 150 e 100 euros para trocar por produtos das panaderías participantes e colaboradoras. Os nomes das persoas gañadoras daranse a coñecer tras o pregón, un dos momentos máis especiais da celebración (13 horas), e xusto antes da sesión vermú con Los Zares.

Xantar popular

Deseguido iniciarase na gran carpa habilitada xunto ao albergue de peregrinos o xantar popular. O menú incluirá pan e empanada de Neda, paella, churrascos, bebida, o imprescindible doce procedente dos fornos locais e café por 22 euros. Os tíckets para participar venderanse ao longo da mañá nunha caseta habilitada nesta contorna. Na sobremesa chegará a animación de A charanga da Carmiña.

Lecer para todos os públicos

Pola tarde, a programación incluirá a exhibición, ás 17 horas, de Urban Galicia Breaking co bboy Amor, deportista do ano en Neda, e propostas especialmente deseñadas para o público infantil. É o caso do obradoiro de elaboración de pan (17 horas) e o espectáculo de clown de Arturo Cobas “Nono” (18.30 h).

Finalmente, poñerá o broche de ouro á Festa do Pan de Neda o concerto do grupo folk ferrolán Lenda ártabra, que presentará ao vivo, a partir das 19.30 horas, os temas do álbum “Din de min”.

O Concello de Neda, organizador do evento, conta co apoio fundamental da Deputación da Coruña e coa colaboración da Xunta, a través de Turismo de Galicia e Abanca, no marco das axudas para municipios con festas de interese turístico.

Share.

Comments are closed.