Milleiros de persoas achegáronse este domingo ao paseo marítimo de Xuvia para desfrutar, un ano máis, da XXXIV Festa do Pan de Neda. O emblemático certame, que viviu unha das edicións máis concorridas dos últimos anos, serviu coma sempre para reivindicar a calidade dos produtos que saen dos fornos locais e para subliñar a importancia do sector no municipio. Foi nunha xornada solleira e, á vista das colas, afortunada en vendas.
Cos postos cheos ata a bandeira de variedade de pan e de empanadas, e con todo tipo de doces, abrían ás dez da mañá os seus despachos na festa Santa Rita, La Gallega, Modesto Hermida, Panificadora Germán e Packy (J. Castro Hermanos e Viuda de A. Romero tamén colaboraron co evento). Despachos que se foron enchendo ao longo da mañá e que, chegado o mediodía presentaban importantes colas.
O alcalde, Ángel Alvariño, encargado de presentar á pregoeira, a nedense Ana Ares Pernas, vicerreitora do Campus de Ferrol e de Responsabilidade Social da UDC, falou do orgullo de Neda polo seu pan, emblema gastronómico da vila, e incidiu na importancia pasada e presente do sector.
Deseguido, unha emocionada Ana Ares, iniciaba un pregón co que nos levou á súa infancia na Mourela, onde se concentraba e se concentra o maior número de panaderías do municipio. “Penso que calquera persoa que teña nacido, medrado ou vivido en Neda sentirá un orgullo moi grande ao falar da Festa do Pan”, apuntaba para, a continuación, definir o certame como “unha celebración da nosa identidade, das nosas raíces, dos nosos costumes e da nosa xente”.
“En Neda, o pan é moito máis que un alimento. É símbolo de vida, de comunidade e de esforzo compartido dende o século XVI”, sinalaba Ares antes de poñer en valor “o labor incansable da xente que traballa nos fornos, dende os panadeiros, ata os que atenden os despachos, ou quen se encarga do reparto, sen esquecer as persoas que sementan e recollen o trigo, o centeo ou o millo co que se elaboran os produtos”.
Concluído o pregón, sucedéronse momentos clásicos. Primeiro, fíxose público o fallo do V Concurso non profesional de empanadas, ao que se presentaron unha decena de elaboracións. Trunfaron as de Diego Ezquerro (empanada de lombo de porco de castaña), María del Carmen Sixto (xoubiñas) e Inés Cortés (bonito), que gañaron vales regalo de 200, 150 e 100 euros, respectivamente, que poderán trocar nos próximos dous meses nas panaderías implicadas na feira.
Despois, foi a quenda da sesión vermú con Los Zares e, como non, do multitudinario xantar popular. As 14 horas, superábanse os 600 tíckets vendidos para saborear un menú que incluía empanada, lagostinos, xamón asado, café e doces con sabor local.
A programación, tal e como adiantou a pregoeira, incluiu pola tarde, entre outras propostas, o obradoiro infantil de elaboración de pan, a cargo da Granxa Escola Belelle, e os animados concertos de Encrucillada, que vén de presentar o álbum “De Volta” e O sonoro maxín no marco da xira “A primavera ten que ser nosa”. Durante toda a tarde estiveron abertos ao público tanto os postos de pan como os preto de trinta stands da feira de artesanía, á que se sumaron este ano Asociación sociocultural ASCM e a Protectora Arco da Vella.
A Festa do Pan, organizada polo Concello de Neda, está subvencionada pola Deputación da Coruña e conta co financiamento da Xunta, no marco das axudas a concellos para o apoio e difusión das festas de Interese Turístico de Galicia.