Producións Teatrais Excéntricas trae a Neda este venres, a partir das 20.30 horas, un dos seus últimos espectáculos. Trátase de “O auto do Castromil”, gañador do III Concurso de proxectos da Fundación Manuel María. A montaxe, para a que xa se poden reservar ou adquirir as entradas, está coproducida polo Centro Dramático Galego e conta cun elenco de auténtico luxo.
A segunda cita do ciclo “Tempo para o teatro” permitirá desfrutar dunha obra, creada a partir de anacos de distintas obras do citado escritor chairego como A rebelión dos baús, O Auto dos semulados da Caravilla, Unha vez foi o trebón, Abril de Lume e Ferro, e o Entremés da OTAN.
Dirixida por Quico Cadaval, e protagonizada por Víctor Mosqueira, Rocío González, Marcos Orsi e Patricia Vázquez, “O auto do Castromil” propón, segundo a compañía, “unha viaxe en transporte público pola Galiza inconsciente”. O espectáculo gañou dous Premios de Teatro María Casares (mellor dirección e vestiario) e foi candidato na categoría de mellor espectáculo nos Premios Max.
As entradas da obra, que chega á localidade co apoio da Deputación da Coruña, teñen un custo de 2 euros e poden chamando ao 981390233. Tamén se vén de activar a venda anticipada de localidade na Casa da Cultura en horario de 9 a 13 horas. O propio venres poderán conseguirse tamén na billeteira da Casa da Cultura dende dúas horas antes da función.