O proxecto Xogal transformará este venres as rúas de Neda nun gran taboleiro de xogo

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O proxecto XoGal, impulsado polos GDR Montes e Vales Orientais, Terras de Miranda, Terra Chá e Seitura 22 en colaboración coa empresa galega Skeirrum, terá a súa terceira cita o vindeiro 19 de setembro, ás 18:00 horas, en Neda.

A experiencia, titulada “Tesouros de Neda”, propón aos participantes atopar todos os tesouros agochados da vila: “Pan, muíños, tradición… e un segredo agochado entre fariña e historia. Viaxa no tempo para descubrir como a vila se converteu en referencia no Camiño Inglés, e desvela que fai tan especial ao pan que conquistou a corte de Felipe II. Unha aventura que che deixará bo sabor de boca.”

Os participantes deberán resolver acertixos, preguntas e probar para completar o percorrido e clasificarse entre os mellores do proxecto, optando así a diversos premios.

A inscrición xa está aberta, de forma gratuíta, a través da ligazón: https://skeirrumtienda.com/xogal/. Para participar só é necesario dispor dun teléfono móbil con batería cargada, conexión a internet e calzado cómodo. Con esta proposta, XoGal convida a redescubrir a nosa localidade e o seu patrimonio cunha fórmula innovadora que une xogo, historia e cultura.

XoGal é un proxecto que busca dinamizar o rural galego mediante a promoción cultural e turística baseada na gamificación, e contempla un total de 10 citas entre agosto e outubro de 2025, en dez concellos diferentes: Navia, Pedrafita do Cebreiro, Mondoñedo, Ribadeo, Viveiro, Abadín-Gontán, Vilalba, Pontedeume, Ortigueira e Neda.

Share.

Comments are closed.