Neda será escenario en setembro dun “escape room” ao aire libre do proxecto XoGal

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Achegarse ao patrimonio e á tradición dunha forma divertida e lúdica… Neda e outras nove localidades galegas serán escenarios do proxecto XoGal. Trátase dunha iniciativa froito da alianza entre catro Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) Montes e Vales Orientais, Terras de Miranda, Terra Chá e Seitura 22, asociaión esta última da que forma parte o noso Concello, e máis a empresa Skeirrum, que aposta polo xogo como base para a dinamización cultural e turística do rural.

XoGal, que hoxe se presentaba en Vilalba, parte dunha base sinxela: aproveitar a maxia e o encanto das vilas situadas na contorna destes grupos e transformalas en taboleiros de xogo. Trátase de experiencias de Escape Room, deseñadas coa mente posta na historia e patrimonio propio destas vilas. Unha cita, apta para todo o mundo, concibida para promocionar o interese e valor dos  concellos. No ámbito xeográfico de Seitura 22, desenvolverase en Pontedeume, Neda e Ortigueira.

No que atinxe á nosa vila, a actividade, que conta coa colaboración do Concello, desenvolverase o 19 de setembro. Terá como punto de partida a Igrexa de Santa María. Levará por título  “Tesouros de Neda”, e proporá unha viaxe no tempo para descubrir como Neda se converteu en referencia no Camiño Inglés, e que fai tan especial ao noso pan, que conquistou a corte de Felipe II.

Participar en calquera das dez citas é moi sinxelo: so hai que completar a inscrición a través da ligazón https://skeirrumtienda.com/xogal/, e os requisitos para participar son ben accesibles: contar cun teléfono móbil coa batería ben cargadiña (ou, no seu defecto, unha boa batería portátil), conexión a internet e calzado cómodo. E, por suposto, ganas de xogar, competir e descubrir os segredos dos enclaves máis fermosos e curiosos do rural galego. Non hai restrición algunha de idade, aínda que os menores de 12 anos deben acudir acompañados dun adulto responsable.

Share.

Comments are closed.