Martes, Decembro 3

Entregadas as “supercompras” gratis da campaña municipal de apoio ao comercio de Neda

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello vén de entregar os premios da campaña de apoio ao comercio local “A supercompra gratis de Neda”. As tres persoas agraciadas no sorteo, realizado a pasada semana, canxearon entre o pasado venres e o luns os seus respectivos vales regalo de 200 euros en varios dos establecementos adheridos á iniciativa promocional.

Os gañadores -José Antonio Alonso, Begoña Fernández e Luis Moledo- optaron ben por aproveitar o premio para facer a compra do mes, adiantando xa algún dos produtos típicos de cara ás celebracións do Nadal, ben por mercar electrodomésticos. Cenor Antonio Pena e o Eroski city foron os establecementos elixidos para investir os vales regalo.

O goberno local activaba “A supercompra gratis de Neda” como unha proposta para dinamizar o comercio, impulsando o consumo nuns meses – outubro e novembro- nos que, habitualmente, as vendas son baixas. A acción promocional buscaba, en paralelo, recompensar a fidelidade da clientela que aposta polos negocios nedenses.

Na campaña participaron un total de 40 comercios da vila (supermercados, panaderías, tendas de regalos, moda, xoiarías, salóns de peiteado…) que repartiron entre os seus clientes ao redor de 24.000 boletos, por compras superiores aos 10 euros. Nas próximas datas, o Concello prevé activar unha nova iniciativa, centrada desta volta no ámbito da hostalería, un sector que resultou especialmente castigado durante a pandemia.

 

Share.

Comments are closed.